LIONEL REXES PRESENTOU A SÚA NOVELA "A RAÍÑA DAS VELUTINAS"

A vella Auria e a percepción dun foráneo

O escritor da Mariña que se achegou ata a cidade e Allariz para peresentar a súa novela "A raíña das velutinas" galardoada co Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey e editada por Xerais, deixanos un artigo coas súas impresións sobre a visita.

A vella Auria e a percepción dun foráneo
A raíña das Velutinas
A raíña das Velutinas

Un día antes de chegar a Ourense, recibín a chamada dunha emisora de radio interesándose polo itinerario das presentacións literarias e mais polos horarios, o locutor referiuse á cidade, reiteradamente, como a vella Auria, e decateime nese mesmo instante, de que a historia en Ourense, mais ca unha fonte de souvenirs, viña actuando coma un factótum omnipresente.

Había anos que visitara Ourense, case sempre ás présas e abeirado nas horas nocturnas, por iso, a imaxe que conservaba da cidade resultábame imprecisa.

Os primeiros días de maio, as obrigas literarias leváronme –de novo- a Allariz e mais a un curruncho fermoso da capital chamado Praza do Correxedor.

Praza do Correxedor

Debería presentar A raíña das velutinas o xoves, na Galería Circular da vila alaricana, e ao día seguinte no Café Cultural Auriense, un lugar que visitara con anterioridade, atraído polas súas actividades e o seu compromiso coas artes. O calendario de presentacións proporcionaríame tempo para coñecer a cidade devagar, ou cando menos a zona monumental.

A visión rápida e irreflexiva do visitante ocasional podería chegar a resumirse –inxustamente- cunha tríade de substantivos: pontes, ríos e trens. Porén, a ollada do paseante devoto, descubrirá unha manchea de atractivos, mesmo de factores únicos.

Para os galegos do norte, Ourense non é a cidade máis coñecida, e quizais, a idea preconcibida non é a dunha urbe grande (a terceira da Galiza en número de habitantes) ou se cadra, non a consideraremos unha poboación dinámica e bulideira (a súa vida cultural resulta vibrante). Para desbotar estereotipos e revelar realidades, debemos coñecer Ourense; ou mellor dito, descubrilo.

Recomendo que a visita se faga cumprindo os canons do visitante formado: demanda de información na Oficina de Turismo e utilización de mapa da améndoa central da cidade. Na devandita oficina, o usuario será fornecido dunha útil relación de espazos susceptíbeis de visita, cos seus horarios e outras informacións de interese.

Ben, quen isto escribe non comezou por aí, deixouse guiar pola intuición e o rebumbio dos transeúntes, facendo a primeira paraxe nas terrazas da Praza Maior, para contemplar absorto, unha cidade que ferve, que se move e gusta de saír á rúa e gozar dun clima que no mes de maio, pode resultar envexábel para moitas outras latitudes.

Cal será a primeira sorpresa? A inxente cantidade de exposicións presentes na cidade. In tempore sueborum é unha xoia irrepetíbel e sei que será difícil de igualar no sucesivo, mais a casualidade quixo que este visitante puidese gozar da exposición tres días antes da súa clausura, en todo o seu remotísimo esplendor e nos tres espazos dispostos para tan insignes pezas: o Centro Cultural Marcos Valcárcel, a igrexa de Santa María Nai e o Museo Municipal.

Caldeiro de Czarnòwko. Peza estrela de In Tempore Sueborum

Mais tampouco comezou por aí quen isto relata, pois o azar erradío e contemplativo conduciuno até outra ala do Centro Marcos Valcárcel, onde a exposición Arte en portada convidaba á nostalxia daqueles ’80 onde música e rebelión se chamaron “Movida”. Decatámonos, mentres observamos as reliquias dun tempo non tan afastado, de que os iconoclastas por antonomasia, son hoxe pezas de museo. Como hemos cambiado… que dicían Presuntos Implicados.

O mapa, para ben ser, debe gardarse no peto traseiro para poder desenfundar se o extravío ameaza con sacarnos da cidade, mais tampouco convén consultalo continuamente, pois o paseante debe experimentar algún percorrido en círculo e decatarse do consabido “por aquí xa pasei”. Tanto dá, por un día somos mochileiros sen complexos e isto servirá para descubrir lugares que pasaron inadvertidos no paseo inicial. Desta maneira descubrín o Liceo de Ourense, un lugar que malia non ter visitado nunca, me resultaba familiar polas súas actividades literarias.

Adentrarse no Liceo é como ser engulido por un cíclope de pedra e vidro morno, pois o fermoso lucernario achega un ambiente cálido ao edificio, onde a arte abrolla en cada parede e en todos os recantos.

Patio de Columnas do Liceo

A mellor escusa que encontrei para visitar o Liceo foi a exposición que anunciaban á entrada; Miradas de colores de Manuela Penín, mais podería ter sido á conferencia de Gracia Querejeta ou a entrega do Premio Musa a Yosi de Los Suaves, todo iso e moito máis bulía polas salas e corredores da devandita institución.

Aquí o recordo tórnase confuso porque a síndrome de Stendhal comeza a mostrar os seus síntomas. O esgotado visitante dá en confundir estilos arquitectónicos e épocas artísticas, a recepción de beleza e grandiosidade tórnase lenta e os sentidos non dan almacenado a inxente cantidade de oferta sensorial.

Cómpre, a esta altura, botar culpas a un factor exóxeno, moitas das salas non abren até as 18:30 h. e algunha exposición non é visitábel até as 19:00 h., polo cal, a peregrinaxe cultural vespertina debe levarse a cabo en horas concretas e apertadas.

Algúns turistas anoxados interrogan (mentres o visitante observa a conversa facéndose o desentendido) insistentemente a un bedel, o empregado tivo a má fortuna de caer nas poutas dun grupo de foráneos: “Por que no canto de abrir tan tarde non pensan nos que vimos de fóra?”

O coitado traballador non pode dar resposta a unha decisión que non lle compete. Mais conviría (e nisto o visitante mostrou o seu apoio) que transmitese a queixa aos seus superiores, pois nada ten de mao visitar exposicións ás catro da tarde, cando o vigor do sol non anima á intemperie.

Outra exposición pictórica nos agarda na sala Abanca, trátase de Sonoro empeño, unha mostra da fusión entre pintura e música; o tempo apremia, vai achegándose a hora de presentar A raíña das velutinas e cómpre subir até a Praza do Correxedor.

Por aquelas rúas, algo máis solitarias, descubrimos unha zona monumental lixeiramente descoidada, con edificios en mal estado e muros inzados de pintadas. O visitante sorpréndese, nomeadamente despois de percorrer áreas coidadísimas e de ter evitado algunha rúa desaconsellábel.

Chegamos ao Café Cultural Auriense e compartimos reflexións cun grupo de ourensáns que escolleron a presentación dunha novela podendo estar en calquera outro evento; debemos agradecérllelo. Coñecemos por casualidade ao novelista coruñés Antonio Tizón, os responsábeis da histórica libraría Tanco están presentes
para que ningún detalle fique no ar, a noite chega e hai que cear, un oriúndo condúcenos até A Brava, na rúa San Miguel… A canseira evidénciase mais Ourense ferve.

Moverse polas rúas non é doado debido á cantidade de persoas que circulan ou que cean placidamente nas terrazas, centos de clientes ocupan os locais de lecer… Mira quen vai aí! De novo as melenas do Yosi alumean a noite ourensá… Longa vida ao R’n’R!

Recordo (recuperándome aínda dos efectos daquela síndrome de Stendhal que nos cativou no camiño entre o Liceo e a sala Abanca) ter coincidido con Amancio Prada na exposición In tempore sueborum, unha visita nocturna á casa de Vicente Risco en Allariz –grazas á amabilidade de Tere Pazos-, unha magnífica libraría de vello alaricana chamada Maruxairas, a paisaxe do Ribeiro cenllés…

Ourense deu para moito máis, e non chegarían outros tantos parágrafos para reflectir sensacións e outorgar parabéns a quen mantén viva unha cidade cun altísimo grao de dinamismo cultural e social.

A vella Auria non te decepcionará.